Thursday 09 de May de 2024

Proxección en Riveira do documental “O que hai que facer para non ir ao mar”


Dentro da programación da Mostra de Teatro, o pasado sábado tivo lugar no Auditorio Municipal de Riveira a proxección do documental “O que hai que facer para non ir ao mar. Unha viaxe a través do teatro galego”: unha homenaxe ao teatro da segunda metade do século XX no que brillan con luz propia os actores xa desaparecidos Mariajo Mosteiro e o riveirense Tuto Vázquez.

Foi precisamente o fillo desta parella de intérpretes, Iago Vázquez Mosteiro, quen exerceu de director e produtor dun filme que está conducido pola súa irmá Uxía Vázquez. Ambos acudiron á emotiva proxección e tiveron ocasión de participar nunha charla coloquio co público congregado.

Entre os actores do documental, actores e directores tan destacados como Agustín Vega, Xosé Vilarelle, Amparo Gómez, Luisa Merelas, Manuel Lourenzo, Lino Braxe ou Xulio Lago.

Centros de ensino
O vindeiro xoves ás 11 horas terá lugar no Auditorio unha nova proxección, esta vez dirixida a estudantes dos centros de ensino de Secundaria.